Sunday 05 de May de 2024

A Xunta xa retirou das praias galegas 2.800 quilos de pellets e máis de 2.800 quilos doutros plásticos


— O dispositivo despregado polo Executivo autonómico por terra está conformado hoxe por máis de 400 persoas que traballan en 58 areais de 28 concellos mentres que por mar están mobilizados dous helicópteros e un total de 15 embarcacións

— O comité científico da comunidade especializado en plásticos constituirase o vindeiro venres e estará formado inicialmente por 17 expertos de 11 entidades entre as que se inclúen as universidades galegas, distintos centros de investigación do medio mariño ou organizacións medioambientais

— A Administración galega remitiu onte á Fiscalía un informe xeral e completo sobre a situación do episodio dos pellets na comunidade e dos pasos dados desde o primeiro momento na súa xestión

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte e salientou que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
No día de onte o persoal mobilizado polo Executivo galego sacou das praias algo máis de 300 quilos de pellets, o equivalente a 12 sacos deste material, así como 800 quilos doutro lixo presente na costa que pode depositarse no contedor amarelo.
Neste sentido, a vicepresidenta segunda detallou que o operativo de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, despregado pola Xunta está integrado hoxe por máis de 400 efectivos repartidos por 58 praias pertencentes a 28 concellos. Mentres, por mar o Servizo de Gardacostas continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e a Mar de Galicia) así como 11 patrulleiras de menores dimensións. A este operativo engádese unicamente o avión de Salvamento Marítimo do Estado Rosalía de Castro.
Neste sentido, Ángeles Vázquez destacou o importante esforzo que realiza o persoal de Gardacostas para colaborar no operativo e cubrir a falta de medios do Goberno central sen desatender outras obrigas como o apoio aos máis de 4.000 buques pesqueiros e arredor de 2.000 barcos bateeiros da comunidade, o salvamento ou a vixilancia e control da frota. De feito, lembrou que o Pesca 2 participou a pasada madrugada no rescate de cinco tripulantes dun pesqueiro que embarrancou fronte a Ribadeo.
A responsable autonómica tamén incidiu en que as previsións meteorolóxicas e de correntes para os próximos días son menos favorables para a chegada de pellets á costa galega, tal como recolle a simulación realizada polos técnicos do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) sobre a deriva dos sacos perdidos polo Toconao desde comezos de decembro.
“Esa simulación dos profesionais do Plan Camgal está feita partindo da base de que todos os sacos saíron do contedor. Dese xeito estariamos practicamente libres dos sacos, pero non podemos afirmalo rotundamente, por iso pedimos información ao Goberno central sobre o estado do contedor e ese robot para, se aínda ten sacos dentro, poder selalo. Pero non tivemos ningún tipo de resposta”, lamentou a vicepresidenta segunda en alusión a que o Executivo central, máis dun mes despois de producirse o incidente, aínda non fixo unha avaliación de riscos deste episodio.
Ángeles Vázquez tamén explicou que a Xunta está en contacto continuo cos concellos para recabar información sobre as cantidades de pellets recollidos polo seu persoal, voluntarios ou outras entidades e que teñen depositados nos seus almacéns para contar con información máis detallada da situación actual.
Comité de expertos
En canto á creación do comité científico, salientou que xa está conformado e que o próximo venres se celebrará o acto de constitución na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar). “Neste organismo, aberto a novas incorporacións, están 17 expertos de 11 entidades entre as que se inclúen as tres universidades galegas, centros relacionados coa investigación do medio mariño, organizacións ambientais e outras administracións a través de organismos dependentes do Goberno central”, detallou a representante do Executivo galego.
O obxectivo deste ente de nova creación será elaborar un plan de seguimento sobre os efectos dos plásticos a curto, medio e longo prazo; análise dos efectos deste material nos ecosistemas mariños, con especial atención á fauna mariña e da avifauna costeira; e valoración das boas prácticas e das regulamentacións necesarias para prever posibles verteduras plásticas. “Ademais permitirá avanzar nas boas prácticas e avaliar cuestións de interese no eido normativo para trasladar ao Goberno central ou á Comisión Europea”, engadiu a vicepresidenta segunda.
Ángeles Vázquez tamén informou de que a Xunta xa remitiu á Fiscalía “un informe xeral e completo” sobre a situación do episodio dos pellets en Galicia e do traballo feito “non só nos espazos protexidos como o parque nacional ou o parque natural -aos que facía referencia a Fiscalía- senón de todo o acontecido desde o primeiro momento”. Nesta liña, lamentou que Galicia segue “sen noticias” da activación dos plans nacionais de loita contra a contaminación mariña, polo que a Xunta se porá en contacto co Executivo central para ver que está a facer para reclamar a quen corresponde os danos causados pola perda dese contedor de pellets por parte do mercante Toconao.